Benvidos á nosa Asociación
En febreiro de 1987 fúndase a Asociación Cultural San Campio. Entre os seus obxectivos están o estudo, investigación e práctica do folclore galego; a realización e promoción de actividades culturais e recreativas nas diferentes formas e manifestacións, e a posta en valor da cultura galega en todos os seus ámbitos (patrimonio, lingua...).
Esta asociación, que comezou paso a paso, foise consolidando ao longo dos anos como unha entidade responsable e digna que hoxe en día leva a cabo un amplo abano de actividades que pretenden sementar a nosa cultura. Dende a súa fundación ata hoxe, a Asociación dedicouse fundamentalmente ao folclore (escola de música e baile tradicional), eido no que conseguiron varios logros grazas ás diferentes directivas, socios, mestres e integrantes.
Traxectoria e Recoñecementos
Dende a primeira actuación na oitava Festa do Viño da Ulla (1988), a asociación foi recoñecida con diferentes premios (Concurso Folclórico Rosalía de Castro, Día da muiñeira de Ames...) e participou en programas como Luar ou Galicia Enteira. Levou o noso folclore fóra de Galicia con intercambios en Portugal, Asturias ou Madrid.
No 2004 nace “A Requinta da Laxeira”, grupo que realizou actuacións internacionais (Alemaña, Arxentina, Portugal) e editou tres discos: “Vai de baranda”, “Maise” e “e Millore”.
Actividades
Ao longo do tempo organizamos: Caravana Cultural, Entroido, Festivais de Nadal, Obradoiros, Sendeirismo, Magosto, Sardiñada de San Xoán, o Festival Folclórico da Ulla e o Espazo Activo da Ulla co Pasabodeghas, entre moitas outras iniciativas para todas as idades.